Boiro reforza o cadro da Policía Local coa incorporación de tres axentes auxiliares

BOIRO> Boiro incrementa este verán o corpo da Policía Local coa incorporación de tres novos auxiliares. Durante catro meses formarán parte do cadro de persoal para reforzar o servizo na época de máis actividade e na que se concentran numerosos eventos que requiren de dispositivos especiais de seguridade.

Tres novos auxiliares xa se incorporaron á Policía Local de Boiro onde prestarán servizo durante os próximos 4 meses. O concello busca así reforzar o cadro de persoal con máis axentes durante o período estival cando a poboación aumenta considerablemente e teñen lugar actos lúdicos e festivos que precisan de maior seguridade.

Estes tres auxiliares véñense sumar ós seis axentes en prácticas que se incorporarán a finais de mes tras completar a súa formación na Axencia Galega de Seguridade Pública.

O goberno boirense segue así a dar pasos para conseguir o seu obxectivo de contar cunha plantilla de 21 axentes antes de que remate a lexislatura.