Comeza a peregrinaxe por etapas da ruta xacobea de Arousa Norte

RIBEIRA> O quince de marzo desenvolverase a primeira etapa do camiño de Santiago do Barbanza. será entre Corrubedo e a parroquia do Xobre na Pobra. Ó longo dos meses de marzo e abril continuará a peregrinaxe polas outras catro etapas percorrendo os distintos concellos ata alcanzar Compostela.

A Asociación Amigos do Camiño do Barbanza elixiu Corrubedo para a presentación da peregrinaxe por etapas por ser o punto de partida da ruta xacobea. Os alcaldes dos catro concellos da mancomunidade, xunto co de Dodro, participaron no acto no que se deron a coñecer as cinco etapas. A primeira terá lugar o 15 de marzo, entre Corrubedo e a igrexa do Xobre, na Pobra.

Estímase que esta primeira etapa terá unhas seis ou sete horas de duración coa chegada á igrexa do Xobre prevista para as catro da tarde. As prazas están limitadas a cen e outorgaranse por orde de inscrición. Os interesados en apuntarse poderán facelo o próximo xoves dende as doce da mañá ata que se esgoten as prazas.

A singularidade deste camiño que discorre pola marxe norte de Arousa é a súa forte compoñente espiritual posto que recrea o acompañamento dos restos do apóstolo. Nestes dous anos, a asociación conseguiu documentar máis de douscentos fitos históricos que avalan a importancia desta ruta xacobea.

Ademais da súa espiritualidade destaca a gran beleza da ruta que pasa por puntos emblemáticos da comarca a nivel paisaxístico e cultural.

O presidente da Mancomunidade aproveitou a súa intervención para anunciar a próxima creación dun museo da peregrina na contorna do Faro de Corrubedo, en homenaxe á primeira persoa, unha muller, que realizou esta ruta segundo a documentación histórica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí