Unha “marcha violeta” para reivindicar a igualdade na FP

PONTEVEDRA> A Praza da Ferraría converteuse esta mañá no escenario dunha actividade de igualdade na FP. Unha “marcha violeta” organizada polo IES Montecelo, o CIFP A Xunqueira e o Carlos Oroza. O obxectivo desta iniciativa era romper cos estereotipos relacionados con algúns ciclos de formación profesional.

Cociña, Restauración, Xardinería ou Automoción. Estes son algúns dos ciclos formativos da nosa cidade nos que existe unha desigualdade real entre homes e mulleres. A maioría deles polos estereotipos que a sociedade crea e que derivan nunha brecha de xénero entre os alumnos e as alumnas.

Baixo o lema “Son minoría, pero fanse notar”, as alumnas e profesoras do CIFP A Xunqueira, do IES Montecelo e do Carlos Oroza concentráronse hoxe na praza da Ferraría. O obxectivo, visibilizar a todas esas mulleres que deciden estudar uns ciclos vinculados pola sociedade aos homes.

Con esta “marcha violeta”, as profesoras e as alumnas dos centros de FP reivindicaron o papel das mulleres nestes sectores e esixiron unha igualdade real de oportunidades.

Porque nin hai ciclos unicamente para homes nin eles deben ter máis oportunidades cando rematan os seus estudos. E soamente entendendo isto, romperanse os estereotipos marcados pola sociedade.