Deteñen un empresario de Santiago polo roubo de dous millóns de máscaras

SANTIAGO> O material sanitario como máscaras ou luvas converteuse nestes días nun dos produtos máis demandados a nivel global por mor da pandemia. Unha situación na que algúns ven oportunidade de negocio. A Policía Autonómica detivo un empresario de Santiago como presunto autor do roubo deste material valorado en cinco millóns de euros que agora se vende en Portugal. No lote habería uns dous millóns de máscaras.

Esta foi a escena que se atoparon os axentes da Policía Autonómica cando accederon a esta nave do Polígono do Tambre, en Santiago. A empresa dedicábase á venda de material sanitario, pero atópase en concurso de acredores.

Calcúlase que o valor do material roubado pode ascender aos 5 millóns de euros. Ademais, as pesquisas apuntan a que o roubo produciuse cando a epidemia do coronavirus xa estaba estendida por diversos países.

A investigación permitiu identificar, deter e pór a disposición xudicial ao empresario que se cre que está detrás da operación. Agora céntranse en localizar ás empresas receptoras do material roubado, que foi enviado ata Portugal.

No interior da nave só quedaron ao redor dun milleiro de máscaras e outro material como botiquíns ou botas, que non están a ter demanda para enfrentar a pandemia do coronavirus.