CAMBADOS> Cambados pedirá a Vilanova que non empregue a denominación Festa do Albariño para o evento que organizará na cidade alemá de Cuxhaven. O executivo advirte que se trata dunha marca rexistrada e de feito non desbotan tomar as medidas legais que sexan necesarias. Entenden que se trata dunha falta de respecto a Cambados e á súa Festa do Albariño, e dunha deslealdade institucional.
O anuncio de Vilanova da organización dunha Festa do Albariño en Cuxhaven enfronta ao concello co de Cambados. Esta mañá, o goberno cambadés explicou que dende o ano 1981, ‘Festa do Albariño’ é unha marca rexistrada.
Para o executivo, a proposta de Gonzalo Durán é desleal e unha falta de respecto cara a Festa do Albariño de Cambados, cara o concello e cara os veciños da vila. Tamén acusan ao goberno de Vilanova de querer sacar rédito do éxito da primeira edición, que estivo organizada pola Mancomunidade do Salnés e na que si participou Cambados.
Ademais, ven na cita unha manobra política de Durán contra o seu propio partido a nivel comarcal, e foron especialmente críticos co papel do edil cambadés e adegueiro José Ramón Abal, que formará parte da organización.
O bipartito asegurou que con estas medidas queren protexer os intereses e a imaxe do concello de Cambados e da súa Festa do Albariño.