O coronavirus impide que os galegos voten o vindeiro 5 de abril

GALICIA> Finalmente, os galegos non sairán a votar o vindeiro 5 de abril. Esta mañá, o presidente da Xunta de Galicia e os partidos da oposición decidiron suspender a cita electoral. Consideran que a actual situación marcada pola ameaza da expansión do coronavirus non permite dar as garantías necesarias para celebrar o proceso. Alberto Núñez Feijóo asegurou que loitar contra a pandemia é a súa única ocupación.

Así anunciaba Alberto Núñez Feijóo unha decisión que xa se intuía: a suspensión das eleccións galegas previstas para o vindeiro 5 de abril. A medida tomouse durante unha reunión que mantivo o presidente da Xunta cos líderes de Partido Popular, Partido Socialista, BNG, Galicia en Común e Ciudadanos.

Agora a Xunta terá que buscar xunto ao goberno do Estado a fórmula xurídica que permita este aprazamento electoral. Tamén para fixar unha nova data, que aínda non está na axenda e que terá que gardar ao levantamento do Estado de Alarma.

Núñez Feijóo destacou o bo entendemento cos voceiros dos partidos da oposición durante o encontro por videoconferencia que mantiveron durante a mañá. A formación VOX foi a única ausente, xa que non respondeu á invitación para participar neste encontro.

Ademais, o presidente da Xunta e os voceiros políticos tamén acordaron varias peticións en materia económica e sanitaria que trasladarán ao goberno central, para facilitar a reacción fronte aos efectos da alerta provocada polo coronavirus e o seu impacto económico e social.