Proba negativa ou vacinación completa para entrar na hostalería dos concellos de nivel máximo e alto

SALNÉS/BARBANZA> O comité clínico decidiu onte endurecer as restricións para frear o avance da pandemia. Seis dos sete concellos que están en risco extremo son das Rías Baixas. Cambados, Sanxenxo, Meaño e O Grove, na comarca do Salnés, e A Pobra e Boiro, da do Barbanza, entrarán o sábado 24 de xullo no nivel máximo de restricións. Nestes municipios reducirase a capacidade na hostalería e terá que pechar o ocio nocturno.

Sanxenxo, O Grove, Cambados e Meaño, na comarca do Salnés, e A Pobra e Boiro na do Barbanza, son os seis concellos que pasarán ao nivel máximo de restricións. Todos soben ao nivel máis elevado dende o medio coa excepción de Cambados, que xa estaba no alto.

Tamén soben de nivel Pontevedra, Poio, Porto do Son e Ribeira, que pasan ao nivel alto de restricións, onde continúan A Illa, Vilagarcía e Vilanova.

As restricións que afectan aos concellos de nivel máximo e alto son semellantes. En todos eles terá que pechar o lecer nocturno e aplicaranse novos requisitos para acceder ao interior dos locais de hostalería.

Destas medidas estarán exentos os menores de 12 anos. En canto ás capacidades, nos concellos do nivel máximo será dun 30% no interior e un 50% en terraza. Mentres, no alto será do 50% dentro e do 50% fóra.

O que se eliminan son as restricións á mobilidade, polo que ningún concello estará baixo peche perimetral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí