VILAGARCÍA> Preocupación na ría de Arousa polo proxecto da empresa Altri en Palas de Rei. Colectivos ecoloxistas e do mar cren que a fábrica de celulosa é a condena definitiva para a ría e os seus sectores produtivos. A macro celulosa verterá ao día 30 millóns de litros de augas procesadas ao río Ulla, o que podería traducirse en problemas ambientais, episodios de contaminación e, na ría, un novo factor para agrava-la perda de produtividade que atravesa. Din, ademais, que a empresa vai destruír máis traballo doutros sectores do que vai crear.
Preto dunha vintena de colectivos veciñais, grupos ecoloxistas e representantes do sector do mar da ría de Arousa reuníronse hoxe en Carril para amosa-la súa procupación polo proxecto de Altri en Palas de Rei. A macro celulosa precisará 45 millóns de litros de auga do Ulla ao día, vertendo ao río 30 millóns de litros de auga procesada por xornada. Unha bomba para o río e tamén para a ría de Arousa.
Preocupación que manifestan tamén confrarías e agrupacións de marisqueo que lembran, levan xa tempo advertindo da brutal perda de produtividade que está sufrindo a ría de Arousa.
E que é o que pode acabar na ría de Arousa procedente de Altri. Segundo o propio proxecto din que serán fosfatos, sulfatos e fósforo total.
A voceira de Ulloa viva, colectivo que está a lidera-la oposición a este proxecto na zona na que se pretende construír advirte que esta factoría de fibras téxtiles non só ten impacto sobre o medio ambiente e a biodiversidade. Na súa zona tamén afectará ao turismo, xa que por alí pasa o camiño; e tamén ao sector agrogandeiro. Di que os 250 millóns de euros que pide a compañía para instalarse en Galicia estaría moito mellor investido noutros proxectos que, ademais, di, xerarían máis postos de traballo.
Ademais de percorrer os concellos afectados e contar porta a porta á veciñanza os riscos deste proxecto, os colectivos convidan a toda a poboación a presentar alegacións contra un proxecto que, din, aínda se pode frear.