Os concellos desinfectan as rúas para combater ao coronavirus

SALNÉS> Os concellos da contorna non cesan na súa loita por frear os contaxios do COVID-19. Ao longo da fin da semana e durante estes días son moitas as vilas que están a facer unha completa desinfección das súas rúas e establecementos máis importantes.

Os concellos da contorna queren evitar a toda costa a propagación do coronovarius. Para protexer á veciñanza, nos diferentes municipios estanse levando a cabo traballos de desinfección en tódalas rúas. As tarefas de fumigación tamén se estenden a outras zonas que nestes momentos adquiren gran importancia como é o caso dos centros de saúde, as farmacias, os supermercados e os bancos.

No municipio de Sanxenxo as tarefas de fumigación leváronse a cabo na zona de Portonovo. Durante a mañá os servizos de protección do concello estiveron desinfectado todas as rúas da vila, centrándose especialmente no casco vello. Nas tarefas están a traballar 11 persoas: os traballadores da concesionaria da limpeza, dous operarios municipais e dous veciños de forma voluntaria que cos seus tractores están axudando a axilizar os traballos. O plan de limpeza e desinfección continuará mañá no casco vello de Sanxenxo e nos vindeiros días en Vilalonga, Noalla e Dorrón.

No concello de Vilanova as labores estiveron centradas hoxe nas instalacións máis frecuentas como son os centros de saúde de Vilanova e Baión, os supermercados e os bancos, ademais das rúas máis transitadas como a de Rosalía de Castro, onde se atopa a sucursal de correos. Nestes momentos estase a proceder a unha desinfección total en todas as rúas.

Estas medidas de protección xa foron iniciadas por outros concellos durante a fin de semana. Municipios como Meis, Cambados e Valga desinfectaron as súas rúas con maior coidado nas zonas máis transitadas. Estas tarefas estanse levando a cabo polos equipos de protección civil, polos servizos de limpeza ou polos propios operarios dos concellos. En Cambados cóntase ademais coa colaboración das adegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí