A crise do coronavirus obriga á suspensión do Torneo Solidario de Fútbol base de Rianxo

RIANXO> A organización do Torneo de Fútbol Base Solidario Concello de Rianxo decidiu a suspensión do Campionato por mor da crise do coronavirus. A cita tiña previsto celebrarse os días 30 e 31 de maio no campo municipal de Vilas.

A crise do coronavirus afecta tamén á celebración do Torneo de Fútbol Base Solidario Concello de Rianxo. A organización decidiu cancelar a edición deste ano debido ás dificultades de poder celebralo na data inicialmente prevista, os días o 30 e 31 de maio.

A presenza ademais de equipos de todo o ámbito nacional e tamén algúns clubs estranxeiros complica o seu aprazamento para outras datas. A esta circunstancia súmanse tamén as incógnitas do que podería prolongarse este problema sanitario polo Covid-19.

O que si fará a organización é o sorteo do lote de agasallos que lle foron chegando nos últimos meses procedentes de distintos equipos de primeira e segunda división e tamén empresas e firmas colaboradoras para o que xa hai rifas vendidas. Todo o recadado nese sorteo será destinado como xa acontecera o pasado ano á Fundación Aladina, que presta apoio integral a nenos e mozos enfermos de cancro.

Dende a organización xa procederon á devolución das cotas de inscrición a aqueles equipos que xa as realizaran e tamén á cancelación das reservas nos establecementos hoteleiros da zona que ían acoller ós equipos de fóra. Cousa ben distinta son os gastos de desprazamentos e viaxes dos clubs. Ó redor duns 2.500 euros que xa houbo que adiantar e que agardan se poidan recuperar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí