SEA adxudica unha parcela no polígono industrial de Muros

MUROS> A xerencia de Solo Empresarial do Atlántico, SEA, informou da adxudicación dunha parcela de case mil metros cadrados no polígono industrial de Muros. Dáse a circunstancia que é a primeira que se dá en condicións de dereito de superficie. Trátase dunha das medidas que está a poñer en marcha a entidade para facilitar a instalación de empresas en polígonos con menor ocupación.

O Consello de Administración de Solo Empresarial do Atlántico vén de autorizar a adxudicación dunha parcela de case mil metros cadrados no polígono industrial de Muros. A entrega faise en condicións de Dereito de Superficie. A firma adxudicataria pagará os dous primeiros anos un canon fixo de tan só 1.172 euros; os dous seguintes exercicios terá que abonar uns dous mil euros e a partir de aí, a cantidade sería de 2.375  euros anuais, ata alcanzar os 30 anos máximos de vixencia deste dereito. Sempre e cando o empresario non estea interesado en facerse coa propiedade da parcela, que a podería mercar no quinto ano. De ser asís, no custe total reduciríanselle parcialmente as cantidades abonadas os anos anteriores. Dende Solo Empresarial do Atlántico destacaron a importancia desta primeira adxudicación no réxime de Dereito de Superficie, á que espera que sigan outras máis, posto que se trata dunha das súas apostas para reactivar polígonos nos que se detecta unha menor ocupación. Ademais de Muros, a proposta estase a ofertar tamén noutros concellos da zona como poder ser Vilanova de Arousa ou Catoira, para tratar de impulsar o seu desenvolvemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí