MEIS> O Concello de Meis solicítalle á Consellería de Sanidade a devolución do consultorio de Paradela. O local é de titularidade municipal, pero o SERGAS mantén pechado este dispensario dende o inicio da pandemia. O goberno local di que denvolvéndollo ao concello, evitaríase que continuase avanzando o seu deterioro, ao tempo que lle dá unha nova utilidade.
Era nas primeiras semanas da pandemia cando o consultorio de Paradela pechaba as súas portas para, de momento, non volver abrilas. Case catro anos despois, o Concello de Meis solicítalle á Xunta que devolva o local, que é de titularidade municipal.
O inmoble divídese en dous andares. Na parte alta son varias as entidades que desenvolven alí a súa actividade municipal. No baixo está situado este dispensario que agora o concello se compromete a rehabilitar para dotalo de novos usos.
A alcaldesa avanza ademais que farán este mesmo procedemento co consultorio de San Martiño que, previsiblemente pechará, cando estea rematado o novo centro de saúde meisino. No caso do ambulatorio da Rochela, o obxectivo do goberno local é trasladar alí Servizos Sociais.











