MUROS> O Curro da Praza de Muros acollerá este sábado unha concentración para demandar a incorporación dun pediatra. O SERGAS leva un ano sen cubrir a baixa de longa duración dun dos médicos polo que o servizo conta tan só cun facultativo compartido con Carnota.
Non se trata dunha situación nova nin puntual senón que dende o centro de saúde de Muros levan tempo advertindo das carencias do servizo de pediatría. Xa vai alá máis dun ano dende que un dos médicos permanece de baixa sen que dende Sanidade se procedera a cubrir a súa vacante.
Deste xeito, o servizo conta tan só cunha pediatra que pasa consulta tamén en Carnota. En consecuencia, uns 900 nenos de ámbolos dous concellos son atendidos tan só por unha profesional que tampouco é substituída durante as súas vacacións ou permisos. Nestes casos, os pequenos son derivados a outros centros de saúde como Noia e Outes ou atendidos por outros médicos de familia que non son pediatras.
Ante esta situación que xa se prolonga demasiado no tempo, a alcaldesa remitiu un escrito á Consellería de Sanidade esixindo unha solución urxente para recuperar a normalidade no servizo. Tamén dende o concello apoiarán a concentración prevista para este sábado ás doce e media no Curro da Praza convocada polas ANPAS e o tecido asociativo do municipio no marco da campaña ‘Muros quere pediatras’.











