O reforzo do servizo de limpeza en Pontevedra polo coronavirus supón un custo de 45000 euros

PONTEVEDRA> O reforzo do servizo de limpeza no Concello de Pontevedra, pola crise do coronavirus, terá un custo de 45.000 euros. Esta mañá, a Xunta de Goberno local deulle luz verde a dous decretos sobre este tema. O primeiro, centrado na desinfección das instalación de Raíña da Paz. O segundo, refírese á limpeza e desinfección no ámbito rural e urbano e recollida de residuos.

A crise do coronavirus ten tamén o seu impacto nos servizos de limpeza do Concello de Pontevedra. A Xunta de Goberno Local ratificou esta mañá dous decretos do alcalde para a contratación de servizos de emerxencia no relativo a limpeza e desinfección de espazos públicos e de recollida de residuos derivados da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19. Eses servizos suponen un custo adicional de 45.000 euros.

O primeiro dos decretos refírese á limpeza e desinfección das instalacións do albergue de Raíña da Paz realizada pola empresa Ferrovial e que rolda os 7.000 euros.

O segundo decreto refírese á limpeza e desinfección no ámbito rural e urbano e recollida de residuos derivados da situación sanitaria ocasionada polo Covid-19. Ten un orzamento que supera os 38.000 euros.

Estes servizos realízanse a través de cinco equipos diferentes. Entre eles, un específico destinado á desinfección de dependencias municipais nas que se confirme un posible caso de coronavirus.

Sobre á recollida porta a porta de lixo para doentes do Covid-19, estanse atendendo 19 domicilios que se corresponden con 32 positivos. En canto ás denuncias por quebrantar as normas do estado de alarma, dende o Concello indican que se mantén o descenso paulatino. Ata o pasado venres contabilizáronse 228 denuncias, correspodnentes a 194 persoas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí