O acusado de atacar un xornalista en Pontevedra armado cun coitelo: ‘Perdín a cabeza’

PONTEVEDRA> Visto para sentanza o xuízo contra Andrés de Vicente, coñecido como ‘Capi’ pola tentativa de asasinato dun xornalista da Voz en Pontevedra.

A Audiencia Provicial acolleu hoxe o xuízo. Capi, de 26 anos, que se fixera moi coñecido cando no 2015 agredira ao expresidente do goberno Mariano Rajoy, alegou que cando irrompeu na redacción do xornal armado cun coitelo e un rolo non tiña máis intención que causar danos materiais.

Pola contra, tanto a fiscalía como a vítima, aseguran que quixo matalo. De feito, no seu relato, o redactor da Voz apuntou que en reiteradas ocasións Capi dixo “mátote” ao tempo que o atacaba.

A fiscalía pide para o home 8 anos de cadea, 7 de liberdade vixilada e dez de prohibición de achegarse e comunicarse coa vítima. Tamén lle atribúe un delito de danos pola desfeita que provocou na redacción, rompendo dez pantallas de ordenador e unha televisión, polo que piden unha multa de 1.700 euros. Ademais, tamén lle abribúen outro delito de resistencia á autoridade por opoñerse á súa detención por parte da Policía Nacional, resultando ferido un axente. Neste caso solicitan máis de 4.000 euros.

Pola súa banda, a defensa pide a absolución por alteración psíquica e o seu ingreso nun centro psiquiátrico especializado.