Barro vive unha voda ‘inesquecicle’ entre ambulancias, luvas e máscaras

BARRO> O amor tampouco se detén por mor do coronavirus. Iso sábeno moi ben Yulia e Paul, unha parella de Barro que acaba de casar nun cerimonia tan singular como inesquecible. Só asistiron dous convidados. O acto, iso si, contou cunha sorpresa inesperada: os compañeiros do mozo, que é técnico sanitario, presentaron diante do consistorio facendo soa-las sereas das súas ambulancias.

O que ía ser unha cerimonia simple, acabou converténdose nun evento inesquecible. Paul e Yulia, veciños de Barro, celebraron a súa voda en pleno estado de alarma.

Á singularidade deste casamento, marcado polo coronavirus, hai que engadir unha sorpresa coa que non contaba o mozo. El é técnico de ambulancia e os seus compañeiros recibiron á feliz parella ás portas da Casa do Concello como ninguén podía imaxir.

A cerimonia apenas contou con convidados. Ademais das restricións derivadas da crise sanitaria, eles case non teñen familia aquí, porque el é de Ecuador e ela de Rusia. Quixeron casar en luns para que a nai da moza maila súa parella puidesen asistir, porque ela traballa de martes a domingo. Participaron no acto en calidade de testemuñas. Non puido nin asistir a súa filla, de tres anos, por razóns evidentes.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, foi o encargado de celebrar esta voda, dende logo, única. Iso si, para que a parella poida celebra-lo seu amor por too o alto, o rexedor ofreceuse a oficia-la cerimonia de novo cando pase a crise santiaria.

Detrás desta voda “confinada” hai unha importante razón: a parella está a piques de ter unha segunda nena. Yulia sae de contas o próximo 1 de maio e o pai quería estar coa súa parella nesta conta atrás para axuda-la e tamén para minimizar riscos, tendo en conta que traballa nos servizos de atención sanitaria.

A parella asegura que non contaba con que a súa voda causase tanto balbordo entre os veciños e os medios de comunicación. Falan dun día único na súa vida.

Pois que vivan os noivos.