GALICIA> A Xunta vai facer test a 100.000 galegos para saber se son portadores do coronavirus. As probas vanse facer co material enviado polo Goberno Central. Con este estudo, o goberno galego pretende facer unha “foto de situación” da poboación de Galicia que está inmunizada ante o COVID-19. As primeiras 50.000 probas faranse a semana que vén nos centros de saúde.
A semana que vén comezará a facerse en toda Galicia un estudo epidemiolóxico sobre o COVID-19. O goberno galego pretende facer probas a 100.000 persoas cos test enviados polo Goberno central.
O estudo vaise realizar en dúas fases. Realizarase a unha mostra aleatoria, con criterios representativos. Busca facer unha estimación da poboación que está inmunizada.
Serán os centros de saúde os encargados de chamar ás persoas seleccionadas para someterse á proba, que ten un carácter voluntario. Para este estudo, o executivo galego confirmou que empregará os test enviados polo Goberno central, xa que son válidos para este tipo de información, pero non para un diagnóstico directo.
A decisión foi aprobada esta mañá nun Consello da Xunta, no que o executivo tamén avanzou que a semana que vén vaise facer un reparto de máis de 1.700 ordenadores portátiles entre centros de educación secundaria, bacharelato e formación profesional para facilita-lo traballo a distancia do alumnado.