PONTEVEDRA> Mitin central do PP desta campaña na praza de touros de Pontevedra. Alí, o candidato popular estivo arroupado polo expresidente do goberno Mariano Rajoy e polo expresidente da Xunta e actural líder do partido, Alberto Núñez Feijóo. O candidato Rueda reivindicou o traballo feito na Xunta nos últimos, lembrando que precisa dunha maioría absoluta para seguir gobernando.
Foi un acto multitudinario na praza de touros de Pontevedra. Un mitin moi centrado, así e todo, na política do Estado, unha estratexia de campaña verbalizada ao berro de “Máis Rueda e menos Sánchez”.
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, apelou a votar para que España siga o camiño sinalado por Galicia.
Os populares aproveitaron para reivindica-la obra na que se converteu Galicia nos últimos anos, unha obra -dixeron- impulsada entre todos.
Reivindicaron o traballo feito nestes 15 anos, cun modelo político propio, explicaron, baseado na normalidade e no sentidiño, comprometéndose a non meter a Galicia en camiños sen saída e a “evitar follóns”.
Alfonso Rueda pediu o voto reivindicando a necesidade dunha maioría absoluta.
Ao mitin asistiron unhas 12.000 persoas, procedentes de toda Galicia. Os militantes e simpatizantes populares chegaron a Pontevedra nuns 200 autobuses.