RIBEIRA> Preocupación entre veciños e comerciantes ante a proliferación da ratas no centro de Ribeira. Denuncian que os roedores chegan a entrar ó interior dos establecementos comerciais polo que piden ó concello que tome medidas.
Nas últimas semanas os residentes no centro de Ribeira vense obrigados a convivir cunhas desagradables veciñas. A proliferación de ratas nalgunhas rúas como a de Lugo ou Rosalía de Castro motivou as queixas de veciños e comerciantes que alertan do grave problema de saúde que pode chegar a acontecer.
Demandan maior limpeza, especialmente no que respecta ó baleirado de contedores, así como un maior control nas fincas abandonadas onde prolifera a maleza e o lixo.
Dende o concello explicaron que o incremento da presenza de roedores na rúa débese ó novo marco normativo en materia de control de pragas. Os rodenticidas usados para a desratización, baseados en compostos anticoagulantes, implican que busquen saída ó exterior antes de morrer.