A Arousa mobilízase contra a nave do Xufre reivindicando o espazo para ‘as xentes do mar’

A ILLA> Ducias de veciños da Illa de Arousa mobilízanse contra a construción da nova nave do porto do Xufre. A concentración foi convocada de xeito conxunto polo Goberno local, a confraría e outros colectivos. Piden a paralización inmediata da construción da nave e que Portos de Galicia revogue as autorizacións concedidas.

‘Unha Arousa para a xente da Arousa, para a xente do mar’. Así de contundente rematou o manifesto conxunto lido na concentración contra a construción dunha nova nave no porto do Xufre,  impulsada por unha empresa privada para unha mariña seca. Goberno local, confraría, asociacións de mexilleiros e outros colectivos uníronse nunha mobilización contraria a este proxecto que tachan de ‘aberración’.

Piden a paralización inmediata da construción da nave e que Portos de Galicia revogue as autorizacións concedidas. Defenden que o espazo sexa empregado para dar resposta ás necesidades do mar, un sector produtivo clave para o municipio. E poñen tamén o foco no impacto paisaxístico e ambiental que, segundo defenden, provocaria a nova nave nesta zona.

Acusan a Portos de Galicia de prima-los intereses particulares dunha empresa antes de pensar no ben común e, en especial, nas xentes do mar. Avanzan novas accións na rúa, pero tamén noutros ámbitos. O Concello ameaza con leva-lo asunto á xustiza, mentres que no estritamente político, o proxecto será levado ao Parlamento Galego, a través do deputado socialista Julio Torrado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí