Sogama xestiona diariamente 5 toneladas de residuos sanitarios

GALICIA> O Complexo Medio Ambiental de Sogama xestiona diariamente ata 5 toneladas de residuos sanitarios. Máscaras, luvas e equipos de protección individual procedentes de sectores con baixa probabilidade de exposición. Para facelo, a empresa pública habilitou unha instalación específica que é independente á de refugallos urbanos.

Unha das consecuencias directas da crise do coronavirus é o incremento da produción de residuos sanitarios e, por iso, a Xunta de Galicia decidiu recorrer ao Complexo Medio Ambiental de Sogama. Diariamente, esta empresa tritura e acondiciona un total de 5 toneladas destes residuos. En especial, máscaras, luvas e equipos de protección individual. Cabe destacar que este traballo realízase seguindo un estrito protocolo de seguridade e, para facelo, habilitouse unha instalación específica e independente á de refugallos urbanos.

Todos os residuos sanitarios que chegan a Sogama son divididos en diferentes clases segundo o risco de infección. Dende que comezou este proceso, esta empresa valorizou xa máis de 47 toneladas de lixo destas características. Ademais, as consecuencias desta pandemia non só son palpables neste sentido. Nos meses de marzo e abril, a produción de lixo convencional tamén rexistrou un gran aumento con respecto ao 2019.

A reciclaxe de envases lixeiros aumentou durante os meses de marzo e abril pasando das 4,2 toneladas recollidas en 2019 ás 5,2 deste ano. Esta cifra tradúcese nun incremento do 25,33%.