O GROVE> Xunta e concello do Grove colaborarán para levar adiante a reforma da rúa Luis Antonio Mestre. Esta mañá achegouse ao municipio o presidente autonómico. Alfonso Rueda e José Antonio Cacabelos asinaron o convenio de colaboración par a impulsar a humanización desta travesía, que suporá un investimento de 2,6 millóns de euros.
A Xunta e o concello do Grove sumarán forzas para levar adiante a reforma da rúa Luís Antonio Mestre. Actuarase sobre case 900 metros deste viario, a principal entrada á vila.
Esta mañá, o presidente Alfonso Rueda e o alcalde José Antonio Cacabelos asinaron o convenio de colaboración para impulsar esta humanización. Supón un investimento de 2,6 millóns de euros. Deles, a Xunta achega 1,7 millóns. O concello asumirá o resto, ademais de encargarse da licitación e a execución dos traballos.
A rúa Luís Antonio Mestre soporta actualmente un intenso tráfico, incluíndo o fluxo de vehículos pesados que se dirixen ao porto de Meloxo desde a avenida de Portugal. Polo tanto, precisaba dunha renovación integral para compatibilizar o uso rodado coa vida diaria dos veciños.
O proxecto contempla a creación dunha plataforma única priorizando a seguridade peonil, a inclusión de redutores de velocidade, o acondicionamento de novas zonas verdes e estacionamentos, ou a renovación de servizos urbanos como saneamento, abastecemento e iluminación pública.
Cacabelos apuntou que a obra conta tamén coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través da última convocatoria do Plan Extra.











