Marga Caldas, candidata do BNG á alcaldía de Poio

POIO> Marga Caldas dá un paso á fronte: vai se-la candidata do BNG de Poio nas eleccións de 2023. A actual concelleira de Deportes asume o desafío de mante-lo bastón de mando en mans dos nacionalistas sen Luciano Sobral. O aínda alcalde comprometeuse a esgota-lo mandato e amosouse confiado en que Marga Caldas contará co apoio da veciñanza para converterse na primeira muller alcaldesa na historia do municipio.

Con esta aperta sélase a remuda no BNG de Poio. Marga Caldas será a candidata da formación nas vindeiras eleccións municipais de 2023. O desafío: manter o bastón de mando en mans dos nacionalistas sen Luciano Sobral.

Luciano Sobral manterase na alcaldía ata a cita coas urnas do ano que vén porque –dixo- ese é o compromiso que ten cos seus veciños. É alcalde de Poio dende o ano 1995 e forma parte da corporación dende que chegou a Democracia. Emocionado, non escatimou en eloxios para Marga Caldas.

E amosouse confiado Sobral en que a nova candidata conte, como el, co apoio da veciñanza. De ser así, convertiríase na primeira muller alcaldesa da historia de Poio.

A candidatura de Marga Caldas contou co apoio masivo da asemblea local da formación. Comprometeuse a traballar baseándose no legado de Luciano Sobral, atendendo ás novas necesidades dos veciños. Coa vista posta xa nas eleccións, avanzaron cambios dentro do grupo municipal do Bloque.

Unha reestruturación da que, de momento, non deron máis detalles. O que si confirmaron é están a traballar xa no programa electoral do Bloque para o ano que vén.

Luciano Sobral comprometeuse a seguir ao carón da candidata e da formación para seguir aportando todo o que estea na súa man. Preguntado pola súa xubilación, recoñeceu ter ganas de viaxar e pasar máis tempo cos seus.

E agreceu tamén aos veciños de Poio a confianza que depositaron nel nestes case 30 anos na alcaldía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí