PONTEVEDRA> ENCE e o Tribunal Supremo, a Mina de San Finx e a Mina de Touro. Son tres das bandeiras negras que o colectivo Ecoloxistas en Acción concede este ano a Galicia. Un distintivo simbólico que sinalan os casos máis significativos de contaminación e mala xestión ambiental das costas do Estado.
A sentenza do Tribunal Supremo validando a prórroga da concesión de ENCE na ría de Pontevedra merécese este ano unha das bandeiras negras do colectivo Ecoloxistas en Acción.
O colectivo lamenta que o Tribunal Supremo decidira mudar a posición marcada previamente pola Audiencia Nacional, que no 2021 anulara a prórroga concedida á pasteira para manterse en dominio público marítimo terrestre.
Para apoiar a súa decisión de conceder a ENCE e ao Tribunal Supremo unha das seis bandeiras negras que Ecoloxístas en Acción repartiu este ano en Galicia, o colectivo contou coa Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra. Para a APDR, o pronunciamento do Alto Tribunal foi unha sentenza de parte.
Outras das dús bandeiras negras concedidas en Galicia teñen por obxectivo denunciar a deixadez que, segundo Ecoloxistas en Acción, ten a Xunta cos graves problemas ambientais que supón a minería en Galicia. Unha delas é por mala xestión, aseguran, por permitir que a explotación da mina de San Finx poña en perigo o ecosistema da ría de Noia. A outra recae na mina de Touro e, apuntando novamente ao goberno autonómico, acúsao de permisividade coas verteduras procedentes dos terreos da mina.











