Poio mantén, polo de agora, o San Xoán

POIO> O Concello de Poio, polo de agora, non renuncia a celebra-lo San Xoán. Dende o goberno local indican que tomarán a decisión final segundo avance o proceso de desescalada, dada a importancia do evento e o seu impacto na economía local. Se finalmente, a celebración non fose posible, o executivo comprométese a buscar alternativas.

O San Xoán é un dos eventos máis agardados no Concello de Poio. Este ano, a crise sanitaria do coronavirus pode levar por diante os festexos… ou pode que non.

O goberno local mantén polo de agora a celebración. Consideran que falar xa da súa cancelación, tal e como reclama o PP, é algo prematuro, cando aínda falta máis dun mes.

Dende o Concello consideran que cómpre agardar para toma-la decisión, tendo en conta a importancia do festexo na vila e o seu impacto económico en sectores como a hostalaría.

Atendendo a isto, o goberno local optará por adia-la decisión final ata que avance o proceso de desescalada e que a Xunta concrete en que condicións se poderán celebrar este tipo de eventos durante o verán.

No caso de que finalmente o San Xoán non se poida celebrar, as contratacións manteríanse para o ano que vén. Tamén se contempla a posibilidade de apostar por outras actividades alternativas. Neste sentido, trataríase de ofrecer iniciativas para grupos reducidos, cos pertinentes controis de aforo, e continuar apostando polas redes sociais como vehículo difusor de eventos, tal e como xa se fixo en citas como o Día do Libro ou a Festa dos Maios.

Segundo indican dende o concello, esta estratexia non só se vai aplicar ó San Xoán, senón que servirá para tódolos eventos culturais e gastronómicos que se organizan na localidade ó longo dos meses de verán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí