O persoal das autoescolas continúa en folga sen novidades da patronal

PONTEVEDRA> Terceira xornada de folga do persoal das autoescolas de Pontevedra. Hoxe volveron manifestarse diante do centro de exames da xefatura provincial de tráfico para denunciar a súa precariedade laboral. Están satisfeitos co seguimento que está a ter o paro convocado, pero non coa resposta da patronal: aseguran que a día de hoxe non se atendeu a súa demanda de sentar para negociar un convenio provincial.

Terceira xornada de protestas para os traballadores das autoescolas de Pontevedra. Aseguran que nestes días de parón nada cambiou e a patronal non sentou a negociar melloras nas súas condicións laborais e un convenio provincial pontevedrés.

Denuncian presións das direccións das autoescolas para que abandonen as protestas, pero aseguran que a folga é un mecanismo necesario para dar a coñecer a súa situación.

Unhas condicións que non só lles afectan a eles. Tamén aos seus alumnos e á calidade do ensino que imparten despois de longas xornadas de traballo.

A partires de hoxe lles quedan outras tres xornadas de protestas para manter a presión sobre a patronal.

Se a folga finaliza sen dar froitos, retomarán as mobilizacións no seguinte período de máis carga de traballo para as autoescolas, como é o Nadal.