Vilagarcía apóiase no Colexio de Arquitectos para buscar ideas para as piscinas da Compostela

VILAGARCÍA> Vilagarcía quere que as piscinas da praia da Concha-Compostela estean rematadas no verán do 2021. O concello asinou co Colexio de Arquitectos un convenio para xestionar o concurso de ideas, que estará aberto a profesionais de todo o mundo. O autor do proxecto gañador recibirá un premio de 7.000 euros.

Ravella márcase o verán do 2021 como horizonte para que as piscinas da praia da Concha-Compostela sexan unha realidade. O concello de Vilagarcía asinou hoxe un convenio co Colexio de Arquitectos para poñer en marcha o concurso de ideas.

No marco do acordo, o Colexio encargarase de redactar as bases do concurso, publicitalo por toda España e a nivel internacional, prestar soporte técnico e participar no xurado que escollerá os mellores deseños. A proposta gañadora recibirá un premio de 7.000 euros e a adxudicación do contrato para redactar o proxecto construtivo.

Haberá un segundo premio de 3.500 euros e dous accésits de 2.000 euros. O obxectivo é atraer ao máximo número de participantes posible para contar con diferentes visións do proxecto, que se converterá nun dos principais atractivos turísticos de Vilagarcía.

A construción dunhas piscinas nas inmediacións do piñeiral da Concha é unha das propostas máis innovadoras incluídas no programa electoral dos socialistas vilagarciáns para dinamizar a praia urbana da Concha-Compostela, polo tanto a idea xa viña de tempo atrás.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí