Peche no IES Cotarelo Valledor de Vilaxoán demandando melloras no ensino público

VILAGARCÍA> Peche reivindicativo no IES Cotarelo Valledor de Vilaxoán. Uns 30 docentes, convocados pola CIG, pasaron a noite no centro para demandar melloras no ensino público. No encerro participaron tamén familias e alumnado. Demandan, por exemplo,  a redución de ratios ou a mellora na atención á diversidade con máis persoal e medios.

Mantas e sacos de durmir no IES Cotarelo Valledor de Vilaxoán para demandar melloras no ensino público. Este é un dos 15 centros de todo o país nos que a CIG organiza peches reivindicativos para visibilizar o conflito laboral que manteñen coa consellería de Educación. Con eles, a central nacionalista busca “descentralizar” un conflito que, din, afecta a toda Galicia.

Sobre a mesa, demandas como a redución de ratios ou a mellora na atención á diversidade.

Piden tamén máis persoal.

No peche de Vilaxoán participaron ao longo da noite uns 30 docentes, arroupados por familias e alumando.

Logo de durmir no centro, esta mañá organizaron un acto informativo coincidindo co horario de entrada e o inicio das actividades lectivas. As protestas por parte da CIG van continuar, a partir de agora, cos Martes Negros, cos que queren explicar á comunidade educativa os motivos polos que manteñen aberto este conflito con Educación.