Un concerto dende os balcóns do Casino porá o broche de ouro ó Xuño Musical de Noia

NOIA> O Conservatorio de Noia pecha o Xuño Musical cunha actividade do máis innovadora. Máis de 60 músicos ofrecerán un concerto dende os balcóns do Casino poñendo así o mellor broche de ouro ó presente curso.

O Xuño Musical do Conservatorio Municipal de Noia pechará este curso cun concerto moi especial. Será mañá ás once da noite cando ó redor de 60 músicos se suban a un escenario ben distinto: os balcóns do Casiño. Dende alí, ofrecerán un concerto dunha hora de duración cun variado repertorio dende pezas clásicas ata temas actuais, acompañado dun espectáculo de luces.

Aínda que non é a primeira vez que apostan por propostas arriscadas sacando o conservatorio a espazos emblemáticos da vila, este concerto supuxo o maior reto, especialmente polas dificultades técnicas que implica.

A actuación, á que se prevé asistan unhas 300 persoas, implicará o peche do tráfico na rúa Galicia mentres dure o concerto.