RIBEIRA> Dúas persoas resultaron feridas nun espectácular accidente que se producía esta pasada madrugada na estrada AC-305 ó seu paso polo núcleo de Palmeira. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía e acabou emborcando contra outros vehículos estacionados nunha rúa anexa.
Este é o estado no que quedou o vehículo tras saírse da estrada. Por causas que se descoñecen saiuse da vía colidindo frontolateralmente contra un contedor de lixo que se atopaba na beirarrúa. O impacto foi brutal e o coche chocou tamén contra un peche e acabou emborcando a unha rúa anexa, enriba de varios vehículos que estaban estacionados, e que sufriron tamén danos.
Por fortuna os dous ocupantes do vehículo sinistrado, veciños da Pobra, un varón duns corenta anos, e unha moza de vinte e catro, non sufriron lesións de consideración, aínda que esta última foi trasladada ó hospital da Barbanza cunha dor cervical.
Esta mañá no lugar aínda podían verse pegadas que testemuñaban ás claras da virulencia do impacto con anacos dos vehículos esparexidos por toda a rúa. Tamén se achegou á zona a propietaria doutro dos vehículos que se atopaba aparcado nas inmediacións do accidente. Aínda que non foi dos que resultou máis afectados. A simple vista só rascaduras. Aínda así tomaba fotografías para evidenciar os danos causados e dirixirse posteriormente ó seguro para realizar a correspondente denuncia.
Ata o lugar do sinistro achegáronse numerosos medios de emerxencias, xa que nun primeiro momento se creu que podería haber atrapados no interior do vehículo. Así desprazouse unha dotación do parque de bombeiros de Ribeira, Policía Local e tamén un equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico que se encargou de instruír o atestado.