A ILLA> A Rúa Castelao da Illa de Arousa será de preferencia peonil. Concello e Deputación presentaron o proxecto que reformará por completo a avenida. Terá un custo de máis dun millón de euros e actuará sobre a estrada, as beirarrúas e as redes tanto de saneamento como eléctricas.
A Rúa Castelao da Illa de Arousa mudará por completo. Concello e Deputación presentan un proxecto para humanizar dita avenida. A intervención, que terá un custo de máis dun millón cen mil euros, permitirá que os peóns teñan prioridade de tránsito sobre os vehículos.
O espazo dos vehículos será entregado aos peóns. Con beirarrúas máis anchas e soterrando todas as redes, tanto as eléctricas como as de saneamento. A intervención converterá Castelao nunha rúa máis atractiva e sostible, beneficiando tamén, ao comercio local.
O proxecto está financiado ao 70% pola Deputación e o 30% polo concello. Dende o goberno local destacan a importancia desta obra na arteria principal da Illa.
Segundo indican dende A Illa, nesta estrada prodúcense numerosos accidentes ao longo do ano aínda que sexan sen gravidade. O proxecto ten un prazo de execución de oito meses e, unha vez licitado, a previsión é que se remate na segunda metade do vindeiro ano.