O PP é a forza máis votada nas comarcas do Salnés e Caldas agás no Grove e Catoira, onde se impón o BNG

O SALNES/CALDAS> Nas comarcas do Salnés e de Caldas o PP foi a forza máis votada en todos os concellos agás no Grove e Catoira, onde se impuxo o BNG. O Bloque é segunda forza en todos os municipios e o PSOE cae nestas dúas comarcas á terceira posición. Esta zona vai contar con tres deputados na cámara galega: o vilagarcián Raul Santamaría e a sanxenxina María Deza, polo PP; e a cambadesa Montse Prado, polo BNG. Quen marcha do pazo do Hórreo é o vilagarcián Julio Torrado, deputado socialista dende 2016.

O PP sitúase como a forza máis votada neste 18F nas comarcas do Salnés e de Caldas. Os populares foron a primeira opción en tódos os concellos da zona, agás en dous. 

En Vilagarcía o PP medrou catro décimas, acadando o 44,1% dos apoios, fronte un BNG que sobe máis de 10 puntos e un PSOE que se desploma máis dun sete por cento. Os populares vilagarciáns tamén fan unha lectura en clave local destes resultados.

O BNG subiu en tódolos municipios. Nesta zona foi primeira forza en dous: no Grove e en Catoira e practicamente empatou co PP na Illa de Arousa. No municipio insular queda como segunda opción por un feixe de votos, posición que ocupa tamén no resto de concellos.

O BNG é primeira forza en 13 concellos de Galicia. No caso de Catoira o Bloque dispárase por riba do PP.

Xoán Castaño tamén interpreta estes bos resultados para a súa formación en clave local. Di que o BNG debe hoxe estar satisfeito polo traballo feito e o resultado conseguido.

O PSOE, entre tanto, sitúase como a terceira forza en tódolos concellos. Ante o seu retroceso a comarca do Salnés queda sen o seu representante no Parlamento, Julio Torrado, deputado dende 2016.

O resto de forzas tiveron un apoio moi reducido nestas comarcas. Por ter algunha referencia, Sumar conseguiu 500 votos en Vilagarcía, o 2,5% dos apoios, sendo cuarta forza. A formación de Yolanda Díaz foi tamén a cuarta opción para os cambadeses, co 2,1% dos votos. Tamén é cuarta forza Vox en Vilanova ou Sanxenxo, por diante de Sumar, co 2,3% dos votos. Os de Abascal tamén son cuarta forza en Meaño, co 2,5% de votos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí