CATOIRA> O goberno de Catoira pide a dimisión como concelleiro de Alberto García acusándoo de mentir coas autorizacións do almacén de pirotecnia de Dimo. Segundo explica o actual alcalde, Xoan Castaño, o anterior rexedor era coñecedor de que o almacén contaba con todos os permisos aprobados, incluso o da subdelegación do goberno, e que ocultou esta información á veciñanza. Xoán Castaño advirte que intentarán facer todo o posible para paralizar o proxecto.
O almacén de pirotecnia de Dimo, en Catoira, ten tódolos papeis ao seu favor para converterse nunha realidade. Unha situación que preocupa á veciñanza da zona e ao actual goberno local do BNG. Ao revisar o expediente, o actual alcalde, Xoán Castaño, comprobou que o almacén conta con tódalas autorizacións aprobadas, incluídas a da subdelegación do goberno.
Segundo o actual alcalde, Alberto García, mentiu cando dicía que o almacén non contaba con autorizacións, entre elas a da subdelegación do goberno.
Con todo o expediente ao descuberto, Xoán Castaño esixe a dimisión de Alberto García como concelleiro en Catoira.
A pesar da dificultade, o BNG advirte que fará todo o posible para intentar paralizar a instalación do almacén de pirotecnia. Nas vindeiras datas, goberno local e plataforma reuniranse para analizar as posibles medidas a tomar.