As Rías Baixas viven xa na nova normalidade

GALICIA> Galicia vive xa na nova normalidade. A comunidade deixa atrás a desescalada, converténdose no primeiro territorio de España fóra do estado de alarma. Con todo, mantéñense as limitacións de aforo en establecementos e eventos. Tamén a obriga de garda-la distancia mínima de seguridade e o uso da máscara cando sexa preciso.

Galicia deixa atrás as fases da desescalada e di adeus ó estado de alarma. A comunidade vive dende hoxe na nova normalidade, onde todo e nada volven ser como antes da pandemia.

As medidas de prevención para evitar contaxios continúan a ser unha obriga. Así, teremos que seguir gardando a distancia social, manter unhas estritas medidas de hixiene e emprega-la máscara cando sexa necesario.

O que recuperamos hoxe é, por exemplo, a liberdade para organizar reunións nos domicilios particulares, sen limitacións. A ocupación de establecementos comerciais aumenta ata o 75% da súa capacidade. Ese mesmo aforo é a que está permitido agora no interior de bares e restaurantes, que ven incrementada a capacidade das súas terrazas ata o 80%. Nestes espazos poden congregarse grupos máximos de ata 25 persoas.

No caso dos mercados e feiras, permítese a instalación do 75% dos seus postos.

En praias, zonas deportivas ou parques, o seu aforo calcularase en base á ratio dunha persoa por cada metro cadrado. As piscinas tamén terán limitado o seu uso ó 75% do aforo habitual.

Aumenta tamén a capacidade dos velorios. Poderán participar ata 60 persoas se son ó aire libre e 30 se son en espazos pechados. A comitiva fúnebre poderá estar composta agora por ata 75 persoas. As igrexas poderán acoller ó 75% dos seus fieis, aínda que continúa prohibido o uso da auga bendita ou a actuación de coros.

No caso das vodas, o máximo permitido dende hoxe é de 250 convidados se se celebra ó aire libre e de 150 se é en interior, sempre sen supera-lo 75% do seu aforo. En cines, teatros, auditorios e circos deberá haber butacas preasignadas e non poderá superarse o 75% da súa capacidade.

No caso das discotecas e lugares de lecer nocturno, só poderán abri-las terrazas ó aire libre. Está previsto que a apertura do interior destes establecementos se produza o 1 de xullo. Se a evolución do coronavirus o permite, tamén a partir desa data poderían reabri-los locais de xogos infantís e poderíanse organizar verbenas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí