POIO> Un ano despois, o tripartito de Poio fai balance do seu traballo. O executivo recoñece que foi un ano intenso. Aseguran que souberon chegar a acordos para os grandes asuntos pendentes na localidade, aproveitando para defende-la súa xestión da crise do coronavirus. O alcalde asegura sentirse cómodo co seu executivo. Di que é un único equipo,malia estar composto por tres grupos. Luciano Sobral aproveita para acusar ó PP de facer unha oposición máis destrutiva que construtiva.
Un ano despois, o tripartito de Poio bota a vista atrás. O executivo fai un balance positivo da súa xestión, defendendo a boa sintonía entre BNG, PSdeG e Avante Poio.
O alcalde fala dun funcionamento ‘exemplar’ do goberno, que soubo, di, buscar acordos para os grandes temas da axenda local nestes últimos 12 meses. Sobre a xestión da crise do coronavirus, Sobral considera que o goberno municipal soubo estar á altura, consciente de todo o que aínda está por vir.
Máis ala da COVID-19, o executivo fala dunha mellor coordinación das distintas áreas no último ano, poñendo como exemplo a creación da mesa de mobilidade, derivada do plan de mobilidade urbana sostible. Aseguran que o concello tamén mellorou en participación veciñal e transparencia.
Os tres grupos coinciden en que o PP está a facer unha oposición máis destrutiva que construtiva. O alcalde cualifica de ‘xogo de rapaces’ a denominación que emprega o PP dos “3 alcaldes” para referirse ós líderes dos tres grupos de goberno. Sobral mesmo bromea indicando que agora serán ‘catro alcaldes’, en alusión á nacionalista Marga Caldas, que pasará a cobrar a dedicación exclusiva que ata o de agora recibía o alcalde.