POIO> A Policía Local de Poio está en pé de guerra contra o goberno local. Denuncian que levan dende o mes de maio sen cobrar as horas extra e cren que se trata dunha medida de presión do alcalde, Ángel Moldes, despois de que se negaran a cubrir eventos nocturnos pola falta de axentes. Aseguran que polo tamaño do concello o cadro de persoal do corpo debería contar con 23 policías pero que a día de hoxe só son 7. Acusan ao goberno local de acoso e discriminación e non desbotan recorrer aos tribunais.
A Policía Local de Poio leva dende o mes de maio sen cobrar as horas extra que lles debe o concello. Cren que se trata dunha medida de presión do alcalde, Ángel Moldes, despois de que se negaran a cubrir eventos nocturnos.
O problema de base é a falta de persoal. Aseguran que polo tamaño do municipio deberían ser 23 axentes. Actualmente son 7 para cubrir as quendas de mañá e de tarde xa que os servizos nocturnos eran voluntarios. Defenden que as baixas de tres compañeiros dificultan o cumprimento do cuadrante de quendas polo que dende hai tres meses hai días que é inviable cubrir o da tarde por cuestións de seguridade dos axentes.
Tampouco gusta aos axentes o intento do goberno local de mudar o cuadrante, pasando de traballar 7 días e librar outros 7 a facer quendas de 3 días de traballo e 2 de libranza. E denuncian que este cambio se lles tería que ter comunicado antes do 15 de decembro de 2024.
Cren que cos seus comunicados o goberno municipal tan só busca o descrédito da Policía Local. Pero aseguran que manteñen a man tendida na procura dunha solución.
A resposta do concello de Poio: ‘Dialogar é diferente a aceptar as chantaxes’
Mentres os axentes acusan ao goberno local de Poio de falta de diálogo, de acoso e de discriminación, dende o executivo de Ángel Moldes aseguran que unha cousa é dialogar e outra ben diferente é aceptar as chantaxes e imposicións do corpo.
En nota de prensa defenden que o diálogo foi continuado dende a súa toma de posesión. Así as cousas, insisten en que o actual cuadrante, con sete días de traballo e sete de descanso, non funciona dende o momento no que hai cinco axentes en horario de mañá e se pechan as dependencias pola tarde.
En canto ás horas extra, o goberno de Moldes asegura que xa se pagaron as xustificadas e que as que están pendente de aboar son as que se fixeron, din, sen estar autorizadas polas concellerías de Persoal ou de Seguridade Cidadá. Defenden que se están a revisar para comprobar se son correctas.
No comunicado, o goberno do concello de Poio deféndese doutras acusacións dos axentes como as referidas a que no 2024 non puideron realizar os recoñecementos médicos. Din que foi así porque a Policía Local negouse a facilitar as quendas anuais dos axentes para fixar as citas en días nos que lles toque traballar.











