Entregan máis de medio milleiro de sinaturas para frear a instalación do parque eólico no Castrove

PONTEVEDRA> A Plataforma Veciñal Non ao parque eólico do Castrove levou esta mañá a súa oposición ao proxecto á Xunta de Galicia. Os veciños entregaron preto de 550 sinaturas e alegacións para frear esta instalación, que afectaría aos concellos de Poio, Meis, Pontevedra e Barro.

550 alegacións e sinaturas para dicir non ao parque eólico do Castrove. A Plataforma Veciñal que se opón ao proxecto entregounas esta mañá na Xunta de Galicia.

A instalación destes aeroxeradores, aseguran, provocaría importantes prexuízos en territorios dos concellos de Poio, Meis, Pontevedra e Barro. Pero preocupa especialmente o impacto na aldea poiense da Escusa.

A plataforma ten previsto organizar manifestacións contra o parque eólico e manter a recollida de sinaturas. Accións que completarán con actividades para poñer en valor o monte. Unha delas será o 29 de agosto, cunha suba ao Castrove.

Actualmente, o proxecto xa ten publicado o informe de impacto ambiental, pero os trámties avanzan a bo ritmo. Dende a plataforma explican que contan co respaldo de todos os partidos políticos do concello de Poio e dos demais municipios afectados.