A rotura dun depósito en San Vincente esnaquizou pisos e arrastrou vehículos

O GROVE> Gran susto o que se levaron esta mañá os veciños de San Vicente do Grove. A rotura dun dos muros dun depósito de auga provocou que a parede saíse despedida esnaquizando parte da planta baixa dun dos edificios próximos. A auga baixou en tromba cara a praia de pedras negras arrastrando coches ao seu paso. Os danos materiais son importantes pero por sorte non hai ningunha persoa ferida.

Cara as 11 e media da mañá, a tranquilidade dos veciños de San Vicente do Grove viuse sorprendida por un forte ruído. O estrondo veu acompañado por unha gran riada que levaba ao seu paso vehículos e electrodomésticos. O medo apoderouse da veciñanza desta zona.

A riada levou consigo varios coches, un deles, pasou por riba dun dos muros das casas veciñas caendo no seu patio.

O suceso tivo a súa orixe na rotura dun dos muros do depósito de auga de San Vicente. A presión da auga provocou que a parede saíse despedida golpeando con forza a planta baixa dun dos edificios próximos. Ao producirse a rotura, os 800 metros cúbicos de auga que almacenaba o depósito baixaron polas rúas en forma de riada cara a praia de Pedras Negras.

A rotura provocou importantes danos materiais pero por sorte ningunha persoa resultou ferida.

Ata o lugar desprazáronse efectivos da Garda civil, de bombeiros do Salnés, de emerxencias do Grove e da policía local. Os servizos de seguridade e emerxencias acordoaron a zona e procederon á retirada dos escombros e á recuperación do subministro de auga e electricidade para os veciños da zona. Dada a importancia dos danos materiais, as tarefas de recuperación estendéronse durante horas deixando sen subministro a preto de 200 vivendas.

Segundo indica o alcalde o tanque atopábase cheo debido á falta de consumo dos últimos días. Os informes dos equipos de emerxencias indican que non hai risco de derrube nin no depósito nin nos edificios próximos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí