Un gromo familiar leva a Cambados ao nivel medio de restricións

CAMBADOS> Un gromo familiar é o responsable do incremento de casos no concello de Cambados que fan que o municipio pase a nivel medio. O endurecemento das restricións van entrar en vigor na medianoite deste sábado. Afectan, sobre todo, á hostalería, que de novo ve reducidas as súas capacidades en interior e terraza. A noticia xera preocupación no sector, porque coincide co arranque da primeira quincena de xullo.

Cambados subirá ao nivel medio de restricións polo incremento dos casos activos. Detrás desta situación atópase un novo gromo familiar que afecta, ademais, ao concello de Meaño. O aumento de casos na vila do Albariño vense rexistrando xa dende hai días.

O incremento de casos tradúcese nun endurecemento das restricións. O comité clínico que asesora á Xunta propuxo que o municipio pase a nivel medio. Os cambios, que entrarán en vigor na medianoite do sábado, afectan sobre todo á hostalería. A súa capacidade redúcese ao 30% no interior e o 50 no interior. Unhas medidas que coinciden xusto no arranque da primeira quincena de xullo.

Este non é o primeiro gromo familiar que obriga a Cambados a endurecer as súas restricións. En maio unha situación semellante levou ao municipio ao nivel máximo. A día de hoxe, o concello rexistra un caso máis que onte, situándose nos 15, cunha incidencia acumulada a 14 días de 112 e a 7, de case 95.