Convocan unha concentración en Pontevedra pola recuperación da sanidade pública

PONTEVEDRA> Pontevedra sairá á rúa en defensa da Sanidade Pública. A Plataforma SOS Sanidade convoca para o vindeiro día 25 unha concentración para reclamarlle á Xunta que explique a que vai destina-los cartos que o goberno central vai destinar á comunidade para palia-los efectos derivados da pandemia. Sospeitan que boa parte desa partida acabará na privada. Ademais, piden mellores condicións para o persoal sanitario que, como indican, é unha parte imprescindible da sociedade.

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra botarase á rúa o vindeiro 25 deste mes. Vai organizar unha concentración ás portas do Hospital Provincial, ás 8 e media do serán, reclamándolle á Xunta que desvele os seus plans para os cartos que vai recibir do goberno central destinados a cubri-los gastos derivados da pandemia do coronavirus.

Dende o colectivo consideran que agora é o momento de mellora-las condicións do persoal sanitario e blindar o sistema público. Entenden que coa crise da COVID-19 quedou demostrado que os recortes acaban pasando factura.

Ademais, a Plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra pide tamén unha volta á normalidade para a sanidade pública, cun reforzo da atención primaria.

A concentración prevista para o día 25 vaise desenvolver seguindo as medidas de seguridade correspondentes. Por iso pídenlle ós veciños que queiran participar, que garden a  distancia mínima e empreguen en todo momento a máscara.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí