PONTEVEDRA> Case 1.500 alumnos comezaron hoxe en Pontevedra as Probas de Acceso á Universidade. A gran maioría examináronse na Escola de Enxeñería Forestal, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Facultade de Comunicación. Pero unha ducia deles, chegados dende diferentes puntos de Galicia, realizaron as probas no Centro de Recursos Educativos da ONCE. Son alumnos con necesidades específicas de adaptación para garantir que tamén se poden enfrontar aos exames da PAU en igualdade de oportunidades.
Cun ambiente máis tranquilo que nas facultades pero cos mesmos nervios, unha ducia de alumnos con necesidades específicas enfrontáronse aos exames da PAU no Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra.
Candela é unha destas alumnas. Ela ten problemas de visión polo que precisa de recursos específicos para realizar estas probas.
Tivo que desprazarse dende Ferrol, algo que, asegura, supón unha dificultade máis na tensión que vive o alumnado ao enfrontarse á PAU. Aínda que non saíu moi satisfeita do primeiro exame, mantén a súa ilusión de estudar Dereito na Universidade de Santiago.
Máis contento quedou Esteban despois de rematar a primeira das probas. El vive en Ourense e o seu obxectivo é conseguir a nota suficiente para estudar o dobre grao de Administración e Dirección de Empresas e Enxeñería Informática.
Neste centro da ONCE contou tamén con todos os recursos que precisou para acceder aos exames en igualdade de oportunidades.
Dende a CIUG destacan o incremento do alumnado que require de adaptacións. En toda Galicia son 625 os estudantes que realizan as probas con medidas específicas de apoio; un 4,6% fronte ao 1,7 % rexistrado en 2021.
Para coñecer o resultado destas Probas de Acceso á Universidade o alumnado terá que agardar ás notas provisionais, que se publicarán o vindeiro 11 de xuño. Unha vez resoltas as reclamacións, as definitivas daranse a coñecer o día 18.











