A incidencia acumulada en Boiro sitúase entre as máis altas de Galicia

BOIRO> Como se prevía, a situación de Boiro segue empeorando. O Sergas cifra hoxe os casos activos neste municipio en 193, o que deixa unha incidencia acumulada por riba de mil casos por cen mil habitantes. Nestes momentos unha das máis altas de Galicia.

A última actualización dos datos por parte da consellería de Sanidade cifra en 193 os casos activos por covid en Boiro. Unha cifra que dexa unha incidencia acumulada por riba de mil por cen mil habitantes. Unha das máis altas de Galicia, superando a moitos concellos que o superan en número de habitantes como poden ser Vilagarcía, Pontevedra ou mesmo Santiago.

Esta próxima madrugada cúmprese unha semana dende que as autoridades sanitarias decretaran o peche perimetral do municipio, e os casos cada día van a máis a pesar de extremar as medidas de prevención para reducir a expansión do virus. E as previsións para os próximos días non parecen moi prometedoras.

Unha das últimas medidas que vén de aprobar o goberno municipal foi a cancelación de xeito temporal do mercado que se celebra semanalmente tódolos martes na Avenida da Constitución.

A suspensión do mercado súmase a outras medidas xa decretadas anteriormente como foron o peque dos parques infantís e das instalacións deportivas e a cancelación das actividades culturais e deportivas á espera da evolución do número de contaxios e que a situación epidemiolóxica na que se atopa nestes momentos o municipio mellore.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí