A piscina de Vilagarcía permanecerá pechada dous meses polas obras de mellora da climatización

VILAGARCÍA> A piscina municipal de Vilagarcía permanecerá pechada outros dous meses. O concello comezará antes do previsto as obras de renovación do sistema de climatización. O novo peche chega cando a empresa concesionaria das instalacións xa fixera o investimento necesario para garantir as medidas sanitarias.

Despois de tres meses pechada por mor da Covid 19, a piscina municipal de Vilagarcía estaba preparada para reabrir as súas portas o vindeiro 22 de xuño. Unha reapertura que non vai a ser posible por mor das obras de renovación do sistema de climatización. Tanto o concello como a empresa adxudicataria das obras tiñan previsto comezar as obras na segunda quincena de xullo. Pero agora sen previo aviso adiantaron os traballos, o que impide a reapertura da piscina.

A piscina volverá a abrir o un de setembro. Dende Serviocio lamentan as molestias causadas aos clientes. Garanten que non se lles cobrará nada durante estes meses, que se reservarán as inscricións aos cursos e que os usuarios poden acceder ás instalación de Campolongo e Cambados.

Ao non contar co comezo das obras tan preto, Serviocio comezara a reincorporar aos seus traballadores. Agora todo o equipo volverá ao Erte.

O peche da piscina chega moito antes do esperado, de feito dende o centro xa fixeran un gran investimento para adquirir o material necesario para garantir o cumprimento das medidas sanitarias.

As obras de renovación do sistema de climatización terán un custo de 120 mil euros. Os traballos comezarán o un de xullo cun prazo de execución de dous meses. No tempo que estean pechadas as instalación Serviocio volve a poñer disposición dos usuarios a súa aplicación con máis de 300 actividades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí