Un San Xoán adaptado á nova normalidade

POIO> Todo listo para que comece unha das festas máis populares de Galicia. O San Xoán adáptase este ano á nova normalidade e esta noite non haberá as tradicionais fogueiras nas praias. Estas deberán trasladarse aos terreos privados. Soamente no Concello de Poio haberá un centenar de cacharelas.

Esta noite os veciños de Poio non poderán revivir esta imaxe. Neste San Xoán non haberá a tradicional fogueira da Seca, nin a popular sardiñada. As verbenas tampouco amenizarán a festa con baile e música. Este ano todo será moi diferente.

Os espazos públicos quedarán libres de xente e todos os que queiran gozar da noite de San Xoán deberán facelo en grupos reducidos e en emprazamentos privados.

En total, foron 96 as fogueiras que recibiron a autorización do goberno municipal. Fogueiras que se desenvolverán en terreos de titularidade particular e nas que deberá haber controis de aforo. Ademais, o distanciamento social tamén deberá estar presente.

Co obxectivo de que isto se cumpra, a Policía Local estableceu un importante dispositivo de seguridade. Os axentes de Poio realizarán roldas de vixía e farán especial fincapé nas praias do municipio.

Como novidade este ano, a celebración de San Xoán terá gran repercusión nas redes sociais. O Concello puxo en marcha o Concurso Fotográfico de Cacharelas para que toda a veciñanza comparta as súas instantáneas esta noite. Os que queiran participar poden facelo utilizando o cancelo #FotoSanXoanPoio2020.

Un San Xoán moi diferente ao que estamos acostumados pero no que non pode faltar a festa e a troula.