O persoal de Thenaisie Provote convoca dúas novas mobilizacións no Grove

O GROVE> O persoal da conserveira Thenaisie Provote tomará as rúas para defender os seus postos de traballo. Será con dúas mobilizacións convocadas para o 28 de xuño e o 5 de xullo no Grove. Dende o comité de empresa recordan que sobre a mesa hai unha oferta dun empresario galego para seguir adiante coa conserveira que aínda non tivo resposta por parte dos administradores concursais. Hoxe o comité mantivo un encontro co candidato do BNG, Luis Bará, que lles trasladou o seu apoio.

Atopar unha solución que garanta a continuidade da actividade da conserveira e os seus postos de traballo. Esta segue a ser a reclamación do persoal de Thenaisie Provote. Aínda que hai unha oferta sobre a mesa dun empresario galego, aseguran que aínda non tivo resposta.

Explican que o retraso se debe á falta dun informe que terían que elaborar os administradores. Ante esta situación reclaman a intervención da Xunta de Galicia para evitar o peche da conserveira, que emprega a máis dun centenar de persoas de xeito directo no Grove e Mos.

Os traballadores recibiron hoxe o apoio do BNG. Unha comitiva encabezada polo candidato nacionalista Luis Bará mantivo un encontro co comité de empresa.

Polo de momento, o persoal amplía o seu calendario de mobilizacións. Xa convocaron dúas novas: unha o 28 de xuño e outra o 5 de xullo, que sairán das instalacións da fábrica no Grove ás 11 e media da mañá e rematarán diante do concello.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí