O Salnés concentra os seus encantos en 40 segundos para atraer o turismo de proximidade

O SALNÉS> O turista de proximidade é o novo obxectivo da Mancomunidade do Salnés para esta tempada. O ente comarcal tivo que reorientar a súa estratexia promocional pola COVID-19, que inicialmente estaba dirixida ao visitante estranxeiro. A través dun spot publicitario presumen dos encantos da comarca.

Este é o spot co que a Mancomunidade do Salnés quere atrapar ao turista de proximidade. A COVID-19 mudou aquí tamén as regras do xogo, facendo ao ente cambiar o seu obxectivo.

Trátase dun vídeo curto, duns 40 segundos, ao que pronto se sumarán outros catro. Cinco pezas en total que resumen os encantos do Salnés.

Polo de momento, a Mancomunidade non ten previsións das visitas que poderán recibir ao longo do verán. Con este material buscan atraelas, e axudar aos sectores máis afectados pola crise do coronavirus.

Dende a Mancomunidade confesan que a crise sanitaria obrigou a mudar os seus plans, que incluían varias accións promocionais no estranxeiro, incluído China.

Polémica

Segundo explican dende a Mancomunidade o obxectivo do vídeo é captar os principais atractivos da comarca do Salnés. Pero o spot foi criticado estes días pola asociación Presume de Vilanova. Segundo o colectivo, a peza exclúe o seu concello das imaxes. A presidenta comarcal xa anunciou que nos vindeiros días manterá un encontro con eles para explicarlles os criterios seguidos na elaboración do vídeo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí