Un home falecido e unha muller ferida grave nun accidente entre un ciclomotor e un camión en Poio

POIO> De novo a traxedia volve golpea-la PO-308, no concello de Poio. Un home faleceu nun accidente de tráfico, rexistrado nesta rotonda da avenida de Andurique.

A vítima, de 67 anos, circulaba canda a súa dona nun ciclomotor. Por causas aínda sen esclarecer, un camión golpeounos. Foi unha forte colisión que, ademais do home falecido, deixa ferida grave á muller, de 64 anos. Foi trasladada de urxencia en ambulancia ao Hospital Montecelo de Pontevedra.

O sinistro tivo lugar contra as 12:20 horas desta mañá. Varios transeúntes contactaron cos servizos de emerxencias ante a aparatosidade dos feitos, relatando que a vítima e a acompañante permanecían tendidos na vía. Ata o lugar desprazouse a Garda Civil, a Policía Local de Poio e Protección Civil.

O sinistro provocou o corte da circulación na zona, ocasionando retencións na contorna da Barca. Hai que ter en conta que esta é unha vía moi transitada, máis aínda á hora na que se produciron os feitos.

Nestes momentos está aberta unha investigación para determina-las causas do accidente.