O Club Atletismo Barbanza denuncia o roubo de material deportivo na Alta

POBRA> A Garda Civil investiga o roubo de diverso material deportivo do estadio municipal da Alta. En concreto os ladróns subtraeron a parte superior da colchoneta empregada para o salto de altura. O material roubado está valorado en preto dos 1500 euros.

Indignación no Club de Atletismo e Deportes do Barbanza ó ver coma os amigos do alleo a volveron a tomar con eles. Nesta ocasión o material roubado corresponde coa parte superior da colchoneta que os atletas de salto de altura empregan para os seus adestramentos e competicións. Un material  cun alto custe no mercado que podería rondar os 1500 euros.

Ademais da importante perda económica que isto supón para o Club, a  falla deste material condicionará tamén o traballo  futuro de moitos atletas da entidade que non poderán realizar axeitadamente o seu traballo de adestramento de cara a próximas citas deportivas.

Dende o Club entenden que o roubo tivo que ser realizado por máis dunha persoa, debido ás dimensións e o peso do material roubado e o feito de ter que desprazalas posteriormente fóra do estadio. A manobra debeu de efectuarse ademais con gran rapidez empregando un elemento cortante para desprenderse das ataduras. Realizada a correspondente denuncia, a Garda Civil iniciou xa unha investigación para dar co paradoiro dos posibles autores da subtracción.