Poio presume da ‘exemplar’ transformación urbana de Saíñas e Puntada

POIO> En Poio, está en marcha nestes momentos a obra de transformación da contorna de Saíñas e Puntada, na parroquia de San Salvador. Un proxecto que o concello está executando con fondos da Deputación e que supón a transformación dos camiños en rúas de plataforma única. Esta mañá, co 80% dos traballos acometidos, estiveron por alí a presidenta Carmela Silva e membros do goberno local, co alcalde á cabeza.

O proxecto que se está acometendo nesta zona rural da parroquia de San Salvador, en Poio, busca transformar camiños en vías urbanas cunha estética acorde á contorna. Esa é a esencia dos traballos que se están a acometer na contorna de Saíñas e Puntada. As obras están executadas xa ao 80%.

O alcalde, xunto con varios concelleiros, acompañou esta mañá á presidenta provincial na súa visita a estas obras. A actuación conta cun investimento de preto dun millón de euros, financiada a través do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra.

Un proxecto exemplar, entende Silva, que aposta pola mobilidade amable, que ten en conta a cuestión estética e que inclúe tamén a renovación de todo o alumeado, pluviais e a conexión ao saneamento das vivendas que aínda non tiñan este servizo.

A presidenta provincial convidou ao Concello de Poio a presentar tamén un novo proxecto para o plan extraordinario que a Deputación está a piques de lanzar, cos seus remanentes. O alcalde avanzou xa que o concello está a traballar para tentar tamén captar fondos desa nova liña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí