PONTEVEDRA> O coche de punto comezará a funcionar, por fin, en Pontevedra. A partires do vindeiro luns 7 de outubro a veciñanza das zonas rurais do municipio poderá empregar este servizo para desprazarse ata o casco urbano. Os interesados en empregalo, poderán inscribirse xa a partires deste venres, día 4.
O ‘coche de punto’ comezará a funcionar en Pontevedra a partir do vindeiro luns, 7 de outubro. É o nome que dende o concello dan a un servizo de transporte a demanda no que se emprega un taxi compartido por varia persoas con cobro individual. Está pensado para facilitar os traslados da veciñanza do rural ata o casco urbano.
Para poder empregar este ‘coche de punto’, os usuarios terán que facer a reserva do servizo o día anterior, antes da 8 da tarde. Funcionará de luns a venres, con horario de recollida de 7 a 10 da mañá e entre as 12 e as 14 horas para o regreso. Haberá once paradas habilitadas: os centros de saúde Lérez, A Parda e Virxe Peregrina, Mollavao, Hospital Provincial, Montecelo, Xunta, Praza de Galicia, Mercado, estacións de tren e autobús e Xulgados da Parda.
O coche de punto comezará a funcionar o día 7. Farao de xeito gratuíto nos vindeiros tres meses. Despois, a tarifa será de 2,15 euros cada servizo para os usuarios, con bonificacións para diferentes segmentos da poboación. O concello, pola súa banda, asume un custo fixo de 3,75 euros por viaxe, ademais dun pago de 1,08 euros por quilómetro percorrido.
Para empregar o coche de punto é preciso inscribirse. As inscricións abren este venres 4 de outubro. Poden facelo na web cochedepunto.gal ou no teléfono 986 070 066.











